Arlo prepara unha cámara de vixilancia 4K con HDR

venres, 30 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Arlo leva tempo ofrecendo dispositivos de seguridade moi versátiles, como cámaras de vixilancia sen fíos, converténdose en todo un referente do mercado, e quere continuar a innovar no sector, polo que presenta que a primeiros de 2019 porá á venda a súa cámara Arlo Ultra, que destacará por captar as imaxes en ultra alta definición (4K) con alto rango dinámico (HDR).
Esta cámara tampouco esquece visión nocturna en cor, procesamento de imaxe avanzado, un ángulo de visión de 180 graos, micrófonos con cancelación de ruído e un deseño compacto apto tanto para a súa instalación en interiores como en exteriores.
Captar vídeo en 4K non só achega unha imaxe máis nítida, senón que tamén facilita ampliar a imaxe para percibir detalles como números de matrícula ou detalles que axuden a, por exemplo, identificar a alguén tras unha intrusión. Grazas a unha potente luz LED pode conseguir que as gravacións nocturnas non se limiten á tradicional imaxe en branco e negro, conseguindo captar as cores.
A cámara tamén incorpora unha batería recargable a través dun cable magnético resistente á auga, de xeito que pode funcionar tanto en interiores como en exteriores. Para unha protección adicional tamén incorpora unha serea que pode activarse ao detectar movemento ou son (ou remotamente a través da aplicación móbil de Arlo).

PUBLICIDADE