Arredor de 60 desenvolvedores xúntanse en Vigo este sábado ao abeiro do PyDay Galicia

xoves, 15 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

Dende o grupo de Python Vigo chéganos a convocatoria dunha cita de gran interese para os nosos desenvolvedores, prevista para este sábado 17. Trátase do PyDay Galicia, un evento cen por cen de balde ao abeiro do cal o equipo organizador (o dito grupo) agarda xuntar entre 50 e 60 desenvolvedoras/es da nosa terra. De xeito paralelo e complementario levaranse a cabo outras quedadas Python en diversos emprazamentos da xeografía estatal, entre o 12 e o 18 de setembro. O formato será de conferencias con diferentes charlas técnicas ao longo do día.
A maiores, a organización avanza que está a traballar para traer a Vigo outro evento relacionado co devandito, a PyConEs, que é unha macroxuntanza de alcance estatal con relatores internacionais e con capacidade para xuntar até medio milleiros de creadores de programas, servizos e aplicacións.
Volvendo ao PyDay Galicia deste 17, celebrarase no Kaleido Coworking Center, no número 27 da rúa García Barbón. Segundo nos detallan os organizadores, o PyDay é un evento no que poderemos “gozar de distintas charlas ao longo do día con café e xantar incluídos”. Ademais, engaden, haberá “marxe de abondo para partillar ou mesmo montar unha charla improvisada”, ao tempo que se remata a xornada cunhas lightning talks abertas á participación e na que os asistentes poderán achegar pequenas charlas en tempos de arredor de 5 minutos.
Os relatores son Eloy Coto (enxeñeiro de VoIP, co-Fundador de Vigolabs e experto en tecnoloxía marítima dende Vigo), Miguel Sánchez de León Peque (enxeñeiro industrial e experto no desenvolvemento de plataformas de investimento automático e na análise de datos de mercado), Miguel González Álvarez (enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e experto en programación de software e en Python), Xurxo Fresco (experto en aprendizaxe intelixente de máquinas con Python) e Pepe Doval (especialista en Agile, Scrum e Kanban, ademais de investigador e defensor das metodoloxías áxiles e ás boas prácticas no desenvolvemento TI).

PUBLICIDADE