Arrincan os preparativos para a Mobile Week Ourense 2022

venres, 4 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

A Mobile Week Ourense 2022 celebrarase en novembro na provincia de Ourense, igual cá primeira edición do 2021. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, lideraron o encontro de traballo no que tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Nóvoa, e o director de Transparencia da Deputación, Fernando Suárez, entre outras personalidades.
Manuel Baltar destacou a importancia de que os axentes sociais, económicos e administracións estean implicados no proxecto, así como indicar que seguirán apostando por iniciativas que permitan achegar a tecnoloxía á cidadanía ourensá para seguir loitando contra a fenda dixital. Tamén afirmou que confía na organización do proxecto despois do éxito obtido o ano pasado.
Por outra banda, Carlos Grau destacou a súa satisfacicón coa acollida do proxecto na provincia de Ourense e o apoio tanto de Manuel Baltar como do coordinador da Mobile Week Ourense 2022, Fernando Suárez. Tamén indicou que para cumprir cos obxectivos deste tipo de eventos, levarase a cabo unha organización e adaptación dos contidos de acordo cos perfís clave da provincia (persoas maiores, nenos e pemes). “Estamos nun momento no que as competencias dixitais e o coñecemento da tecnoloxía son un elemento básico para moitos dereitos, dende o punto de vista da educación, da saúde ou da mobilidade”, resaltou o CEO da Mobile World Capital Barcelona.

PUBLICIDADE