As aplicacións móbiles de Pocket Casts pasan a ser de balde

mércores, 18 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Pocket Casts, un dos servizos multiplataforma máis célebres para a xestión e reprodución de podcasts, vén de dar un importante xiro no seu modelo de negocio, de xeito que as súas aplicacións móbiles para Android e para iOS pasan a ser de balde, por considerar que ante o estancamento na captación de novos usuarios os ingresos por esta canle facían inviable manter o sistema, polo que agora combinan aplicacións de balde cun servizo de pagamento, Pocket Casts Plus, que incluirá aplicacións de escritorio e web para a reprodución de podcasts, así como almacenamento na nube (10 GB) para poder almacenar ficheiros persoais que reproducir mediante as aplicacións do servizo.
Pocket Casts Plus terá un prezo de 1,20 dólares/mes ou 12,09 dólares ano, aínda que todos os usuarios que pagasen polas aplicacións do servizo recibirán 3 anos de balde de Plus.
O éxito de Pocket Casts vén dado principalmente polo seu soporte multiplataforma, de feito que era unha das poucas solucións de podcasting dispoñibles para web, Android, iOS e Windows Phone, mantendo a sincronización entre dispositivos. Esta solución é compatible con Android Auto e Carplay, con Airplay e Chromecast, co Apple Watch, con Siri, con Alexa e incluso con altofalantes de Sonos, polo que é unha das mellores opcións para os amantes dos podcasts.

ACTUALIZACIÓN: Ante a mala reacción de moitos usuarios, dende Pocket Casts decidiron que quen pagase pola versión web do servizo recibirá a nova versión Plus de balde de xeito vitalicio e non só durante 3 anos.

PUBLICIDADE