As cámaras de Santiago e Coruña recoñecerán o pulo dixitalizador das nosas empresas

martes, 10 de abril do 2018 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio da Coruña, xunto co Banco Santander, veñen de convocar a segunda edición do seu galardón empresarial conxunto, o Premio PEME do Ano, lanzado co obxectivo de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas como “xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño do seu labor cotián”. A segunda edición do recoñecemento, que ten a colaboración de La Voz de Galicia, vén con algunha que outra estrea. Por exemplo, amais do devandito premio, o xurado concederá tres accésit a outras tantas empresas nas categorías de internacionalización, dixitalización e innovación e formación e emprego.
A firma que finalmente sexa elixida PEME do Ano da Coruña concorrerá ao Premio PEME do Ano 2018 de España, que se fallará no primeiro trimestre de 2019.
Poderán presentar a súa candidatura a este premio todas as pequenas e medianas empresas de menos de 250 empregados, cunha facturación anual inferior aos 50 millóns de euros no exercicio 2017 e con sede social na provincia da Coruña.
As empresas interesadas poden consultar as bases publicadas nas páxinas web da Cámara de Comercio de Santiago e a Cámara de Comercio da Coruña. Tamén a través destes espazos en liña poderán cumprimentar o formulario de inscrición aberto até o vindeiro 15 de xuño.
O xurado (composto por representantes das devanditas entidades organizadoras) valorará nas súas deliberacións méritos como a creación de emprego, as accións de formación para os seus empregados, a actividade internacional e as iniciativas de transformación dixital e innovación.

PUBLICIDADE