As consolas domésticas de SEGA inspiran o deseño de 4 ordenadores portátiles

venres, 15 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

A marca SEGA hai uns anos estaba ligada non só á edición de videoxogos, senón tamén a videoconsolas, chegando a marcar unha época coa súa rivalidade con Nintendo a través de máquinas como significativas como a Mega Drive e a Dreamcast, que agora están a servir para inspirar unha nova gama de ordenadores portátiles que saen á venda no Xapón a través de Ebten, que entrega os equipos en configuracións que sitúan o seu prezo entre os 99.750 e os 194.250 iens (798 e 1.554 euros respectivamente).
Este equipos chegan con catro aparencias externas, presente na súa tapa, cunha aparencia azulada con logotipo de SEGA nun caso, e homenaxes ás consolas Mega Drive, Saturn e Dreamcast nos outros 3 deseños que posiblemente adoren os nostálxicos que gozaron desas plataformas de xogo no seu día. Chegan con pantallas de 15,6 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles e ata unha gráfica nVIDIA GeForce 650M e procesador Intel Core i7 a 2,4 GHz, 8 Gb de RAM e SSD de 120 Gb (os modelos máis económicos optan por disco duro de 500 Gb).
Estes equipos chegarán ao mercado o 3 de xuño, pero as súas configuracións máis avanzadas terán unidades moi limitadas dependendo incluso do nivel de reservas que se faga dos mesmos, no que parece ser un experimento para ver a aceptación que poden ter este tipo de produtos.

As consolas Mega Drive, Saturn e Dreamcast inspiran 3 dos deseños dos novos portátiles de SEGA

PUBLICIDADE