As empresas poderían estar a pagar ata un 15% de máis en telefonía móbil por erros de facturación

martes, 16 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Informe de doctorSIM

Un informe elaborado por doctorSIM desvela que as empresas pagan entre un 10 e un 15% de máis en telefonía móbil por erros de facturación, que se detectaron no 80% das compañías analizadas e que só se detectan e reclaman no 2% dos casos.
Estes fallos de facturación aparecerían en todo tipo de empresas, aínda que as máis afectadas serían as de maior tamaño, debido ao seu volume de facturación. Os tipos de irregularidades detectadas nas facturas van dende erros nas tarifas pactadas ata redondeos á alza, pero tamén aparecen rexistros duplicados, omisión de descontos pactados, chamadas internas que non se rexistran como tales, tarifas planas que non se cumpren ou ofertas puntuais que non se aplican na práctica (pese a que se utilizan para a captación de clientes).
Dende doctorSIM recomendan facer unha auditoría das facturas para comprobar se unha empresa está a pagar de máis na súa telefonía móbil, o que cada vez é unha tarefa máis difícil de realizar dadas as complexidades das tarifas e conceptos cobrados cada mes.

PUBLICIDADE