As filtracións debullan case todos os detalles dos Samsung Galaxy S8 e S8+

mércores, 1 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Este ano Samsung non realizou a presentación do seu novo smartphone insignia no Mobile World Congress de Barcelona, adiando a presentación do seu Galaxy S8 até o vindeiro día 29, polo que non sorprende que estes días estean a producirse filtracións que parecen querer dar a entender que o fabricante surcoreano si ten importantes novidades para responder ao que estes días pode verse en Barcelona.
A última filtración é unha imaxe difundida por Evan Blass (un filtrador provesional) no que pode verse o que sería un Galaxy S8 con pantalla curva que coincidiría coa liña marcada polo LG G6, ou sexa, que procuraría maximizar o espazo que ocupa a pantalla na parte frontal do teléfono e practicamente carecería de marcos laterais. Teriamos así outro móbil con pantalla 18:9 (ou 2:1) que carecería de botón de inicio con lector de pegadas dixitais na súa parte frontal (quedando por coñecerse se sitúan o sensor na parte traseira ou se atrévense a incorporar un lector de pegadas na propia pantalla).
Na imaxe filtrada tamén pode verse que a parte superior do teléfono unha cámara cun obxectivo bastante grande (o que podería supor unha cámara frontal bastante xenerosa) e diversos sensores que dan a entender que o Galaxy S8 recuperará a tecnoloxía de recoñecemento de iris que tiña o retirado Galaxy Note7.
Este ano parece que Samsung abandonará o modelo plano e optará por ofrecer o S8 en dous tamaños, de xeito que teriamos un S8 normal con pantalla curva de 5,8 polgadas e un Galaxy S8+ que tería unha pantalla Super AMOLED Quad HD+ de 6,2 polgadas segundo as especificacións que tamén filtrou Blass hai uns días.
Este último smartphone tería 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas micro SD, cámara traseira Dual Pixel de 12 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, scanner de iris, resistencia á auga, Samsung Pay e carga sen fíos. Incluso coméntase que o teléfono incluirá uns auriculares de AKG, polo que serían poucas as sorpresas que quedarían para a presentación de Samsung, sendo o principal misterio a data de lanzamento, o prezo e, como guinda, o procesador que incluirá en cada mercado (xa que os rumores apuntan a que montarán a vindeira xeración de procesadores de Qualcomm dificultando que estean dispoñibles para os seus competidores).

ACTUALIZACIÓN: Dende BGR publican novas imaxes do Galaxy S8 e deixando claro que as anteriores imaxes filtradas eran verídicas, e engadindo detalles como que as curvas da pantalla son pouco pronunciadas facilitando un agarre cómodo, que nun lado do teléfono están os botóns de acendido e volume e, no outro, un botón para invocar ao asisten virtual Bixby, que o tipo de porto USB empregado é C (reversible) e que si conta con porto para auriculares de 3,5 milímetros. Tamén confirman que o lector de pegadas dixitais muda á parte traseira do terminal para poder conseguir esa sensación de que o smartphone é case todo pantalla. Incluso chegan a adiantar que a data de lanzamento do móbil a nivel mundial será o 21 de abril.

Unha das fotografías do Galaxy S8 filtradas por BGR

PUBLICIDADE