As lentes de realidade aumentada de Nreal chegan da man de Vodafone

luns, 31 de maio do 2021 Marcus Fernández

Como anticiparan a finais do ano pasado, Vodafone trae a España as lentes de realidade aumentada Nreal Light acompañadas pola aplicación Vodafone 5G Reality AR, solución que conta cunha listaxe de widgets de aplicacións para que o usuario cree o seu propio taboleiro virtual, combinando pantallas en 2D e 3D.
Para funcionar estas lentes precisan conectarse por USB-C a un smartphone de última xeración con Android, que será o dispositivo encargado das tarefas de procesamento e execución de funcións de control.
As lentes Nreal Light permiten acceder a un escritorio virtual interactivo para traballar con múltiples pantallas en calquera lugar, levar o mans libres á máxima expresión ou gozar da televisión de xeito estendido, experiencias que chegan en exclusiva a través de Vodafone, compañía que ten actualmente a distribución en exclusiva deste dispositivo de realidade aumentada para España.
Vodafone ofrece as Nreal Light aos seus clientes a través de puntos de venda físicos e en liña, podendo adquirise as lentes asociadas a calquera tarifa de Vodafone e podendo tamén adquirise de xeito conxunto con algún dos smartphones compatibles. Deste xeito podemos, por exemplo, mercar as lentes de realidade aumentada por 16 euros/mes durante 36 meses e, de querer optar polo dispositivo cun smartphone Oppo Find X3 Pro 5G o prezo mensual subiría até os 42,5 euros.
Aínda que a utilidade destas lentes de realidade aumentada é aínda moi limitada, son un interesante xeito para introducirse nunha tecnoloxía chamada a formar parte das nosas vidas unha vez que madure, xa que neste momento carece de contidos que a fagan atractiva e de dispositivos que consigan que o seu uso poida resultar cómodo e integrarse ao noso día a día.

Vídeo promocional das Nreal Light que comercializa Vodafone en España

PUBLICIDADE