As mulleres do Son poderán mellorar os seus currículos con formación tecnolóxica

luns, 3 de outubro do 2022 S. P.

As mulleres do concello de Porto do Son van ter esta tempada unha boa oportunidade para dar relevantes pasos en capacitación tecnolóxica, un tipo de formación que resulta cada vez máis demandada en materia de emprego e que son un elemento clave para acceder ao mercado laboral. Trátase dun programa de cursos de balde para mulleres desempregadas ou en mellora de emprego. A axenda será presentada este 6 de outubro na Casa da Cultura de Porto do Son. A formación inclúe de agasallo unha tableta para a mulleres asistentes.
Os cursos abéiranse ao programa Muller Dixital, no que participa a Xunta, a Unión Europea e máis o Goberno central, amais dos concellos colaboradores (neste caso o de Porto do Son).
Para quen precise información facilítase o seguinte número de teléfono: 881 820 345.
O programa Muller Dixital, financiando pola Unión Europea, ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais das mulleres galegas que se atopan en situación de desemprego e que lles permitirá aproveitar as posibilidades asociadas ás tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na redución da fenda xénero no ámbito rural e en fomentar o emprendemento, a información, o procesamento e uso para a comunicación, a creación de contidos e a seguridade, entre outros contidos.

PUBLICIDADE