As obras da planta de chips fotónicos de Vigo comezarán a finais de 2023

xoves, 29 de setembro do 2022 S. P.

A sede de Zona Franca de Vigo acolleu este 27 de setembro a primeira reunión de traballo de SPARC, a planta de semi-condutores fotónicos cuxas obras está previsto que arrinquen a finais de 2023, estando programado o inicio da súa actividade para o segundo semestre de 2025. Ao encontro acudiron Jaime Martorell, comisionado especial para o PERTE de Microlectrónica e Semiconductores, e Guillermo Gómez, coordinador da Secretaría Xeral de Telecomunicacións. Tanto o director executivo (CEO) de SPARC, Francisco Díaz, como o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, explicaron aos dous representantes do Goberno as futuras necesidades da planta. Tamén participou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen acudiu a unha visita ás instalacións da Zona Franca en López Moura que albergarán a planta SPARC.
Segundo lembraron, a posta en marcha deste centro activouse precisamente a raíz do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) dotado con 12.250 millóns de euros para crear un ecosistema español ao redor dos chips. “A infraestrutura viguesa encaixaba á perfección no obxectivo deste plan que debía buscar investidores para poñer en marcha o proxecto”, sinalouse na reunión de traballo, onde se destacou o carácter de “infraestrutura única” de SPARC, “cunha tecnoloxía punteira que converterá a Vigo nun foco de innovación a nivel europeo atraendo, ademais, recursos humanos moi especializados”.
O centro, que está apoiado pola Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo, producirá de maneira operativa a primeira tecnoloxía (arseniuro de galio) e a partir desta mesma data iniciaranse as actividades do Centro de I+D que permitirá facilitar a incorporación da segunda tecnoloxía (fosfuro de indio), consolidando ademais procesos que permitirán a produción de produtos propios na planta.
SPARC fabricará máis de 1.500 obleas ao ano, o que supón 90.000 chips (cada oblea contén 60 chips) e contará cunha sala limpa de 1.600 metros cadrados para a fabricación dos chips, ademais do centro de I+D. Os semi-condutores III-V son materiais que se poden utilizar para realizar fontes de luz moi compactas e eficientes, o que permitirá que SPARC teña a capacidade para dirixirse a unha gran base de clientes nunha ampla gama de mercados diferentes, incluídas as comunicacións ópticas, as pantallas, a iluminación, a industria aeroespacial, a automoción, a biomedicina, a detección e as tecnoloxías cuánticas, así como as tecnoloxías de alta velocidade ou aplicacións electrónicas de alta potencia. Na actualidade, son 300 as empresas europeas que consumen este tipo de chips e unha vintena delas xa transmitiron o seu interese na nova planta viguesa.

PUBLICIDADE