As pemes galegas poden mellorar a súa produtividade con servizos de computación de altas prestacións

luns, 20 de marzo do 2023 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do CESGA, Patricia Argerey, interveu esta mañá na reunión de presentación da Comisión de Oferta do Nodo de Computación de Altas Prestacións do Hub de Innovación Dixital Dihgigal, que ten como obxectivo acelerar a transformación dixital do tecido produtivo galego a través da oferta de servizos HPC avanzados. No lanzamento do Nodo HPC participou tamén o director de AMTEGA, Julián Cerviño, e representantes da Comisión de Oferta de Dihgigal (universidades, centros tecnolóxicos e empresas TIC).
Argerey expresou a súa satisfacción porque os Hubs de Innovación Dixital aproveiten as capacidades do ecosistema galego de innovación para potenciar a competitividade do tecido empresarial e industrial galego e apuntou que a posta en marcha deste Nodo HPC liderado polo CESGA, que se suma ao Nodo de Intelixencia Artificial que lidera a Universidade da Coruña e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, permitirá acelerar a incorporación destas tecnoloxías clave por parte do sector industrial na Comunidade.
A Computación de Altas Prestacións permite, entre outros, resolver problemas moi complexos que requiren grandes necesidades de computación ou tratamento de datos, obter resultados máis detallados e precisos, mellorar a calidade dos resultados, facer novos descubrimentos, ou simular procesos, ofrecendo unha vantaxe competitiva ás empresas que a empregan. Trátase dunha ferramenta indispensable na Industria 4.0 e unha das tecnoloxías clave a nivel europeo, que dispón dun orzamento de máis de 8.000 millóns de euros no período 2021-2027 a través da iniciativa EuroHPC.
O CESGA achega ao sector industrial galego, a través de Dihgigal, as súas infraestruturas (como o supercomputador Finisterrae III) e o futuro computador cuántico, recursos computacionais e de almacenamento de datos, así como a súa experiencia na prestación de servizos a empresas é un dos nodos do Centro Nacional de Competencias en HPC, Big Data e Intelixencia Artificial Español e no ano 2022 beneficiáronse dos seus servizos máis dun cento de empresas.

PUBLICIDADE