As pulseiras Fitbit Inspire non poderán mercarse directamente

luns, 11 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

As últimas pulseiras de actividade de Fitbit estreáronse sen publicidade, pero por un bo motivo, xa que non se comercializan ao público xeral, senón que estamos ante unha liña de produtos que comercialízanse a través do programa Fitbit Health Solutions, ou sexa, para empresas, de xeito que buscan ser un accesorio que poidan empregar usuarios de sistemas sanitarios, aseguradoras, centros deportivos, corporacións...
A Fitbit Inspire sería a pulseira de actividade máis básica, con monitorización de actividade e seguimento do sono, notificacións de chamadas, textos e citas, pantalla táctil e resistencia á auga, que cunha batería de até 5 días pode servir para un rexistro básico de actividade, mentres que a Fitbit Inspire HR conta tamén con monitorización cardíaca, resultando máis axeitado para a práctica deportiva, podendo tamén sincronizar a información rexistrada cos datos do GPS do smartphone.
Aínda que non esteamos moi afeitos, xa son bastantes as empresas que están a repartir pulseiras de actividade entre os seus traballadores, en ocasións a través do seguro sanitario contratado, como un xeito de coñecer mellor o nivel de actividade física dos empregados e incentivar un estilo de vida máis saudable, fuxindo do sedentarismo. No caso das aseguradoras, xa hai varias que reparten pulseiras e mesmos smartwatches como o Apple Watch como un incentivo para a súa contratación, aínda que na práctica teñen a vista posta na información que poidan recoller para coñecer mellor ao usuario.

PUBLICIDADE