As redes sociais agravan os trastornos alimentarios, segundo a investigadora Paula Frieiro (UVigo)

mércores, 29 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

Na súa tese de doutoramento, a investigadora e traballadora social Paula Frieiro analizou a influencia das redes sociais e da autoestima sobre os crecentes trastornos da conduta alimentaria (TCA) na adolescencia e a posíbel resposta desde o traballo social a estas enfermidades, que están influenciadas por múltiples factores: biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais.
A tese, con mención internacional, foi dirixida desde a Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense polo profesor Rubén González e realizada no marco do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Uvigo.
Segundo explica a xa doutora, é “transcendental o estudo da autoestima relacionada cos TCA, por vincularse de maneira central coa construción da propia imaxe corporal e por ser un factor mediador no risco de condutas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria”. De igual forma, engade, a crecente socialización a través de redes sociais xera situacións de comparativa social, que “caracterízanse por ser frecuentes na adolescencia, oscilando nesta etapa entre un 6% e un 8%”.
Na tese identificouse que o 90% das persoas ás que se diagnostican TCA son mulleres. Froito da investigación, indica que “conclúese necesario impulsar a prevención relacionada co uso das redes sociais, de forma que se fomenten habilidades como o pensamento crítico sobre a información que se percibe a través destes medios. Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA”.
Co obxectivo de contribuír positivamente no senso da autoestima, no marco desta tese e do proxecto Inou Dixitou, no que participa un equipo multidisciplinar da Facultade de Educación e Traballo Social e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, creouse unha ferramenta en formato xogo de aplicación móbil, actualmente en fase de probas, para que a adolescencia poda enfrontarse de forma autónoma e responsable ás situacións de risco que potencialmente poden producirse en redes sociais.
Por último, a tese subliña que a intervención e acompañamento social pode conducir a “unha mellora substancial a nivel individual e familiar dos TCA”, polo que o traballo social “pode formar e realizar grupos de apoio, desenvolver e promover obradoiros socioeducativos, utilizar ferramentas de resolución de conflitos e mediación familiar, etc.”.

PUBLICIDADE