As unidades My Book Duo de WD poden adquirirse en capacidades de até 20 TB

martes, 22 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A Western Digital Corporation presentou hoxe as novas solucións de almacenamento externo de sobremesa My Book Duo, que busca satisfacer as grades demandas de almacenamento dos profesionais do vídeo e a fotografía, para o que dispón de discos duros WD Red dispostos en RAID 0, conseguindo así un rendemento de até 360 MB/s de velocidade de lectura secuencia, aínda que os usuarios tamén poden optar por mudar a súa configuración a RAID 1, para así gozar das vantaxes da redundancia de datos.
O novo My Book Duo conéctase a través dun porto USB tipo C, contando tamén con funcionalidade de concentrador USB 3.0 tipo A cun par de portos que permiten conectar outros accesorios ao noso ordenador sen ter que ocupar os seus portos USB. Aínda que este dispositivo compatible con USB 3.1/3.0/2.0 opta pola conexión USB-C, tamén inclúe cables USB de Tipo C a Tipo C e de Tipo C a Tipo A. Tamén incorpora cifrado por hardware AES de 256 bits para facilitar a seguridade dos datos almacenados no seu interior.
Aínda que o My Book Duo está dispoñible en capacidades que parten dos 4 TB de capacidade cun prezo de 299,99 euros, o que chama moito a atención é a versión con 20 TB de capacidade cun prezo de 719,99 euros, o que parece un prezo bastante axustado para un produto que permite almacenar un volume de datos tan masivo.

Vídeo promocional do My Book Duo de Western Digital

PUBLICIDADE