Assassin’s Creed Origins trasladará a acción ao antigo Exipto

luns, 12 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A conferencia de Microsoft no E3 serviu para confirmar os rumores dos últimos meses: a vindeira entrega da franquía de Assassin’s Creed estará ambientada no antigo Exipto e chegará este mesmo ano a Xbox One, PlayStation 4 e PC (concretamente o 27 de outubro).
Esta nova aventura amplía a historia da Irmandade de Assassins, de xeito que a súa orixe non estaría nas Cruzadas, senón tras o Exipto dos faraóns, no que encarnaremos a Bayek, o protector de Exipto, quen moverase por un amplo mundo chego de segredos que desvelar e con grandes batallas nas que loitar.
Assassin’s Creed Origins non só é unha nova ambientación, senón que tamén supón un importante cambio no estilo de xogo, que agora integra novos elementos de RPG de acción, para que Bayek vaia evolucionando segundo as nosas preferencias, á vez que tamén presentará un inmenso mundo aberto, o que fai que algúns o comparen xa con Horizon Zero Dawn, un dos grandes éxitos do ano para PS4.
Esta nova entrega non se conforma cunha cidade como ambientación, senón que teremos un país enteiro, con varias cidades, vilas e paisaxes exóticas, de xeito que poderemos ver o Delta do Nilo, o oasis de Faium, pirámides, desertos, o lago Moeris... moitos territorios nos que incluso a vida salvaxe terá que terse en conta.
O sistema de combate tamén evoluciona, e en vez de limitarse a rápidas mortes con elementos de infiltración, adopta tácticas máis directas e agresivas, cun amplo uso de combos para desfacerse de grupos de inimigos, podendo combinarse o uso da espada, o arco e o escudo, e incluso de bombas de fume. Numerosos elementos que achegan unha filosofía de combate diferente, no que haberá que dosificar a adrenalina para desatar a nosa furia, á vez que haberá que alternar armas dun xeito intelixente.
Tamén será posible empregar aproximacións indirectas, como rachar as gaiolas de leóns ou hienas para crear distraccións mortais, aínda que se queremos destacar algo realmente diferente no sistema de combate é que agora haberá xefes, ou sexa, que en momentos dados será preciso baterse cara a cara con guerreiros formidables ou estrañas criaturas.

Tráiler de presentación de Assassin’s Creed Origins

PUBLICIDADE