Astak anuncia un lector de libros electrónicos que custará menos de 200 dólares

xoves, 15 de maio do 2008 Marcus Fernández

O Mentor de 5 polgadas custará menos de 200 dólares

Esta semana Astak Inc. presenta en Nova York, no marco da feira IDPF, 3 novos dispositivos para a lectura de libros electrónicos paseados en tecnoloxía E-Ink, de xeito que permiten unha lectura cómoda e contan cunha autonomía elevada (ata 8.000 páxina cunha única carga).
A nova gama de lectores de libros electrónicos coñécese coma Mentor, e está composta por dispositivos con pantallas de 5, 6 e 9,7 polgadas. Permite ler documentos TXT, PDF, RTF e HTML/CHM e imaxes BMP, GIF e JPEG, así coma reproducir música en formato MP3, achegando estes contidos da súa memoria interna ou a través de tarxetas SD.
Os Mentor soportan distintas linguas (inglés, español, francés, alemán, chinés e xaponés) e o modelo de 5 polgadas podería saír á venda en xuño por menos de 200 dólares, mentres que o de 9,7 polgadas tería que agardar a outubro a un prezo duns 350 dólares, quedando claro que estes novos dispositivos buscan entrar no mercado cun prezo moi atractivo.
Pero Astak non só conta coa baza do prezo, senón que os seus Mentor tamén terán prestacións pouco habituais como a incorporación de pantallas táctiles e Wi-Fi (opcional ou de serie no modelo superior).
O Mentor de 5 polgadas ten unha pantalla cunha resolución de 800 x 600 píxeles (170 dpi), 32 Mb de SDRAM, 128 Mb de memoria Flash, unha medidas de 190,5 x 120,5 x 8,9 mm. e un peso de só 184 gramos; o modelo de 6 polgadas ten as mesmas características básicas, mellorando a súa capacidade de almacenamento ata 64 Mb de SDRAM e 1 Gb de memoria Flash (contando coa opción de Wi-Fi e pantalla táctil); e finalmente o modelo de 9,7 polgadas non só inclúe 64 Mb de SDRAM, 4 Gb de NAND Flash, Wi-Fi, pantalla táctil e Bluetooth de serie, senón que na súa pantalla pode representar 1.200 x 825 píxeles, o que debería permitir unha agradable lectura.
O feito de que os novos lectores de libros electrónicos de Astak inclúan Wi-Fi podería dar lugar a servizos de descarga de contidos, como xa fai o Kindle de Amazon, pero que ao non depender da tecnoloxía EV-DO (non dispoñible en Europa) podería acadar certo éxito neste lado do Atlántico.

PUBLICIDADE