Asus anuncia un novo equipo todo-en-un baseado en Android

mércores, 31 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Para o mes que vén vai pórse á venda en España un interesante dispositivo todo-en-un, o ASUS Portable AiO P1801-T, que vén a ser como un ordenador todo-en-un con pantalla IPS táctil Full HD de 18,4 polgadas que ao funcionar co sistema operativo Android 4.2 e cunha batería interna que permítelle funcionar ata 5 horas sen conectar á corrente pode entenderse como unha especie de tablet xigante.
Este equipo funciona cun procesador nVIDIA Tegra 3 de catro núcleos, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), Wi-Fi N, Bluetooth 3.0 e 1 porto mini USB 2.0, conta cunha peaña de 3 posicións na súa parte traseira para facilitar a súa colocación no escritorio, e aínda que o seu peso de 2,4 quilogramos faga complicado o seu uso como tablet, pode trasladarse de xeito doado dentro do fogar, o que pode resultar práctico para certos usos familiares ou para a realización de videoconferencias (conta cunha cámara frontal de 1 Mpíxel). Porase á venda a un prezo de 599 euros.

O equipo de Asus pode desprazarse comodamente dentro do fogar

PUBLICIDADE