Asus e Dell amosan os seus cascos de realidade mixta

mércores, 31 de maio do 2017 Marcus Fernández

Ao Computex de Taipei non van unicamente compañías asiáticas, e a propia Microsoft tamén está presente, aproveitando a ocasión para salientar que nos vindeiros meses vai achegar ao público a súa tecnoloxía de realidade mixta, para o que anticipara algúns cascos de fabricantes como Acer e HP (que xa poden reservarse en EE.UU. e Canadá) e que estarán acompañados tamén por fabricantes como Asus e Dell.
Asus está a colaborar intensamente con Microsoft para facer posible a popularización da realidade mixta, para o que non só achega os seus ordenadores portátiles e de sobremesa compatibles coas tecnoloxías de realidade virtual actuais, senón que tamén sorprende cun casco de realidade mixta que presenta unha cuberta poligonal 3D única, á vez que presenta tamén un deseño cómodo que pode lembrarnos ao de PlayStation VR. Este lixeiro casco tamén poderá empregarse en combinación cun mando con control de movemento que facilitará a inmersión na realidade mixta.


Dell tamén está a facer os seus cascos de realidade mixta que buscarán ser asumibles e sairá á venda de cara á campaña de Nadal. Desta volta o produto busca principalmente a comodidade, para o que ten un peso moi equilibrado, protectores acolchados para que o uso prolongado non cause molestias e incluso conta cun sistema de organización do cableado para evitar enredos e facer doado pór e quitar o casco.

PUBLICIDADE