Asus presenta novos equipos portátiles

luns, 30 de maio do 2016 Marcus Fernández

Esta semana os fabricantes asiáticos amosan o seu músculo no marco da Computex de Taipei, e un dos primeiros en amosar as súas armas para os primeiros meses é Asustek, que levou á feira toda unha sorte de dispositivos que van dende smartphones até robots domésticos, aínda que no sector da informática persoal tamén demostrou que vai ter moito que dicir, facendo fronte a algúns dos equipos máis emblemáticos de Apple e Microsoft.

ZenBook 3: os ultraportátiles aínda teñen o seu sitio

Pese a que os equipos convertibles teñen moito pulo, os ultraportátiles na liña do MacBook Air continúan a ter unha importante demanda para usuarios que buscan levar o escritorio informático a todas partes, gozando á vez dun deseño atractivo nun equipo delgado, lixeiro e con boa autonomía, e nesta liña está o novo ZenBook 3, que con só 11,9 milímetros de grosor e 910 gramos de peso encaixa á perfección dentro desta categoría. Estes novos equipos teñen unha carcasa de aliaxe de aluminio de grande calidade (é un 50% máis resistente que a meirande parte de portátiles de aluminio) e ofrecerase en 3 cores distintas). A súa autonomía tamén é bastante boa, podendo chegar até as 9 horas, aínda que tamén resulta salientable que a súa carga rápida permítelle chegar ao 60% de capacidade da súa batería en só 49 minutos.
No que a potencia se refire, o ZenBook 3 non vai quedar curto, e poderá configurarse con até un procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM, 1 TB de SSD, USB-C e audio Harman Kardon. A súa pantalla de 12,5 polgadas está rodeada dun marco moi fino e tamén está protexida por Corning Gorilla Glass 4. O seu fabricante asegura que integra o ventilador máis delgado do mercado (de só 3 milímetros de grosor) e o seu teclado retroiluminado ten unha disposición como a dos teclados de sobremesa, tendo un percorrido de só 0,8 milímetros, co que consegue unha experiencia de uso confortable.
Abrazando as tendencias actuais, e para tirar proveito de Windows Hello, o equipo inclúe un lector de pegadas dixitais.

Novos Transformer buscando a versatilidade

O Asus Transformer 3 Pro quere converterse nun dos novos ordenadores 2-en-1 de referencia, cunha construción en aluminio, un grosor de só 8,35 milímetros e un deseño elegante con acabados en cor gris ou dourada. Conta cunha pantalla táctil de 12,6 polgadas cunha resolución de 2.880 x 1.920 píxeles e pode configurarse con até un procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM, 1 TB de SSD, USB-C, saída HDMI, cámara traseira de 13 Mpíxeles, cámara frontal con soporte do recoñecemento facial de Windows Hello e os accesorios que o permiten ser un rival dos Surface Pro de Microsoft: unha funda con teclado retroiluminado e trackpad, e un lapis dixitalizador con 1.024 niveis de presión. Tamén destaca a súa peaña traseira, que permite abater a tableta en practicamente calquera ángulo.
Pero este non é o único 2-en-1 de Asus, senón que tamén presenta un Asus Transformer 3, que só ten 6,9 milímetros de grosor e 695 gramos de peso, podendo tamén completarse cunha funda-teclado. Este equipo tan portátil tamén conta cunha pantalla de 12,6 polgadas cunha resolución de 2.880 x 1.920 píxeles, pero cunha configuración máis modesta, de xeito que terá procesadores menos potentes, até 8 GB de RAM e até 512 GB de SSD.
Para os que buscan unha portabilidade extraordinaria teremso tamén o Asus Transformer Mini, o equipo 2-en-1 máis lixeiro do mundo, cun deseño de aliaxe de magnesio e aluminio, un peso de 790 gramos co teclado conectado (530 gramos sen o teclado) e un grosor de 8,2 milímetros, que reduce a súa pantalla até as 10,1 polgadas para ter así un formato máis compacto. Está equipado con porto USB, Wi-Fi AC e unha batería que achégalle unha autonomía de até 11 horas. Tamén conta con lector de pegadas dixitais e estará dispoñible en varias combinacións de cor (coa tableta en gris ou branco).

PUBLICIDADE