Até 72 docentes participan na axenda de divulgación científico-tecnolóxica da UDC

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

A Campaña de Divulgación Científica da UDC, organizada polo Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña, vén este 2022 cunha ampla e variada oferta de charlas e obradoiros en liña ou presenciais, dirixida ao alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao superior dos centros de Galicia. “As propostas son moi variadas e impártense de forma atractiva para espertar o interese do alumnado”, explicaron fontes da Universidade da Coruña, engadindo que na elaboración da axenda van participar un total de 72 docentes dos dous campus ofrecendo 124 actividades diferentes que abranguen as cinco ramas de coñecemento.
As ramas incluídas son Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura. As actividades propostas inclúen charlas ou obradoiros de temas de actualidade e de interese para o alumnado.
Es de ciencias ou de letras? Tres saídas profesionais despois de estudar Filoloxía (charla); Microplásticos no medio ambiente (obradoiro); O mundo na túa cabeza (charla); A COVID-19 e os novos hábitos de compra, o comercio electrónico veu para quedarse? (charla); ou Por que flotan os barcos (obradoiro) son algunhas das propostas que poden atoparse no programa e que podemos ver xa online nos seus detalles. Para participar neste programa, os centros só teñen que solicitar a actividade que máis lles interese contactando directamente co profesor que a imparte.

PUBLICIDADE