Até un centenar de núcleos de Teo contarán con fibra óptica avanzada en 2021

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Teo concluíu 2019 coa vista posta nas tecnoloxías para dotar de cobertura axeitada (unha cobertura propia do século XXI) ás zonas do seu rural que aínda fican á marxe destes avances. Botando man de datos subministrados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (comunicacións na que figuran os novos investimentos dos Executivos estatal e galego en materia de banda larga de nova xeración), o Goberno local confirmou que serán cen os núcleos do termo municipal que contarán con fibra óptica avanzada en 2021.
Entre os que xa contan con esta infraestrutura (informa o Concello tendo en conta os programas previos desenvolvidos pola Xunta e polo Estado en anos anteriores, e os compromisos agora adquiridos co Goberno local) atópanse os seguintes núcleos de poboación: os lugares de Cornide (en Calo), A Agrela (en Lampai), Espasande e A Insua (en Luou), Rarís (en Rarís), Olveira e Pontevea (en Reis), e Campos (en Teo). Estas aldeas xa dispoñen do servizo de fibra óptica grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta desenvolvido por Telefónica. Ao abeiro desta iniciativa tamén se están a levar ao seu remate os traballos de despregue de rede ultrarrápida en Cesar e Folgueiras (Calo), Regoufe (Luou), Agoso (Oza), Pite (Lucí), A Ribeira (en Reis) e Vilariño (en Vilariño).
O Concello tamén lembra que está a culminar tamén o o programa de extensión de banda larga de nova xeración dependente da Administración do Estado adxudicado á compañía R Cable, que ten un período de despregue que vai de 2016 a 2019 e que afecta aos núcleos de Ameneiro, Balcaide, Casalonga, Fixó e Osebe na parroquia de Calo.
Respecto dos vindeiros traballos de R no concello (con remate en 2020), contarán con fibra óptica avanzada os lugares do Casal, Mouromorto e Rúa de Francos en Calo, O Aido, Caxade, A Igrexa, Nespereira, Paraxó e Bustelo en Luou, e Bouñou, O Pazo e Sestelo en Rarís. Dentro do mesmo programa estatal e en idéntico período temporal, pero a través de Telefónica, están programados os labores dixitais para os núcleos da Póboa, Sebe e Montouto en Cacheiras, Texexe e Vilares da Rúa de Francos en Calo, e Fornelos en Rarís.
O Concello tamén recorda que a todos os devanditos núcleos de poboación dotados de cobertura, cómpre engadir os que están incluídos no programa de extensión de banda larga con remate en 2021, que desenvolverá Telefónica cunha subvención que acaba de conceder a Administración do Estado. Este novo capítulo do plan permitirá a incorporación plena á sociedade dixital dos seguintes núcleos de poboación: Devesa, Noenlles, Penelas, Procelas, Tras do Eixo e Catro Camiños (en Cacheiras), Adrán, o Faramello, A Igrexa, Mazas, A Pedreira, Riotinto, San Domingo, Socastro, Vilaverde e A Xesta (en Calo), Mosteiro, A Silva e Vilar do Bispo (en Lampai), Chaves, Lucí e Paredes (en Lucí), Cantoña, Loureiro, Quintáns e Trasellas (en Luou), Cachóns, Castres, Cepeda, Eio dos Ferreiros, Eio dos Menecos, Outeiro, Ribas e Vilanova (en Oza), Casal de Reis, A Florida e Vilela (en Rarís), A Pedra e Tarrío (en Recesende), O Ferreiriño, A Freiria, Freixeiro, A Igrexa, Monteselo, Outeiro, Pazos, Piñeiro, Samar, Valiñas, Vieiro e Xermeade (en Reis), Agromaior, Fontenlo, Mallos, Noceda e Vilachaiño (en Teo), O Coto, A Igrexa, Lamas e Reboredo (en Bamonde) e Cerdeira (en Vilariño).

PUBLICIDADE