Auriculares sen fíos para a Xbox 360

martes, 11 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Para poder gozar da calidade de son que presentan moitos títulos da Xbox 360 poucos usuarios gozan dun sistema Dolby 7.1, pero a experiencia de son envolvente non pode conseguirse só mediante múltiples altofalantes, senón que tamén é posible reproducir a mesma sensación cun auriculares de alta calidade, coma o novos Ear Force X41 de Turble Beach que transmiten sen fíos (mediante radiofrecuencia na banda dos 2,4 GHz) o son envolvente que permite somerxernos totalmente en xogos tácticos coma Call of Duty 4 Modern Warfare, Halo 3 e Left 4 Dead, podendo aproveitarse esta información espacial non só para a ambientación, senón tamén para localizar aos inimigos.
Estes novos auriculares sen fíos incorporan os últimos algoritmos HRTF para auriculares Dolby e permite unha sensación de inmersión sen precedentes, con son con calidade de CD, sen compresión e sen a molestia dos cables. Tamén contan cun micrófono para poder interactuar con outros xogadores a través do chat de voz de Xbox LIVE.
Para amortizar os 199,95 dólares (141,53 euros) que custan estes auriculares, tamén podemos utilizalos para reproducir música da televisión, de reprodutores de MP3 e doutras fontes de son analóxico.
O transmisor do X41 aliméntase a través dos portos USB da Xbox 360 ou do ordenador, evitando a molestia dun adaptador de corrente, e os auriculares contan cunha batería que pode chegar ata 25 horas de autonomía. Chegará ás tendas europeas en setembro.

PUBLICIDADE