Avowed chegará a PS5 en febreiro

venres, 9 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

O xogo de rol Avowed, un dos grandes exclusivos de Xbox en 2025, chegará oficialmente a PlayStation 5 segundo confirmou Obsidian Entertainment, que ampliará deste xeito a base de xogadores dun dos seus proxectos máis ambiciosos ambientados no universo de Pillars of Eternity.
Ambientado no mundo de Eora, Avowed propón unha experiencia de rol en primeira persoa na que o xogador asume o papel dun enviado encargado de investigar a expansión dunha praga misteriosa. A ameaza non só pon en risco as Terras Vivas, senón que tamén garda implicacións de carácter persoal para o protagonista, nunha narrativa que combina fantasía épica, decisións morais e exploración profunda.
O título aposta por un sistema de combate flexible, que permite combinar armas, habilidades e poderes máxicos, premiando a experimentación e a adaptabilidade. As eleccións do xogador inflúen tanto na forma de combater e explorar como na resposta do propio mundo, que reacciona ás decisións tomadas ao longo da aventura.
As reservas para Avowed en PlayStation 5 xa están dispoñibles a través da tenda dixital de Sony. O lanzamento está previsto para o 17 de febreiro de 2026. A edición estándar terá un prezo de 49,99 euros, mentres que a edición Premium custará 59,99 euros, importes que se manterán tamén no resto de plataformas nas que o xogo estea dispoñible.