Baldur’s Gate III está dispoñible en acceso anticipado

martes, 6 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A serie de xogos de rol de Baldur’s Gate ambientada no universo de Dungeons & Dragons leva máis de dúas décadas dando guerra, e para retomar esta serie de éxito Larian Studios está a traballar en Baldur’s Gate III, xogo que vén de estrearse en acceso anticipado en Steam, en GOG e tamén en Stadia, plataformas que por 59,99 euros permiten gozar deste xogo que aínda está lonxe de rematar o seu desenvolvemento, polo que a súa compra agora só estaría recomendada para os máis entusiastas do rol, que non queren agardar ao lanzamento do produto final, á vez que tamén queren ver como o xogo evoluciona durante os vindeiros meses.
Prevese que Baldur’s Gate III teña tres actos, e actualmente só conta cos contidos do primeiro (o que achegaría unhas 25 horas de xogo na primeira partida), o que pode darnos unha idea do lonxe que está de converterse nun produto final, aínda que o feito de que veña da man dos creadores de Divinity: Original Sin 2 é toda unha garantía de que teremos un traballo de calidade que recibirá contido e melloras progresivamente á vez que atenderá aos comentarios dos usuarios para coller forma.

Este xogo de rol achéganos ao universo de Dungeons & Dragons nunha aventura que estará dividida en 3 actos

PUBLICIDADE