Balidea optimiza o ecosistema web do Concello da Coruña
mércores, 4 de decembro do 2024
Nun mundo no que a dixitalización non para de crecer, a comunicación entre as administracións públicas e as persoas usuarias debe ser clara e concisa. Non é estraño atoparse portais web nos que a información está a demasiados pasos (ou clics) da persoa. Tampouco axuda que, por mor desa dixitalización, cada vez son máis os procesos, solicitudes ou outro tipo de trámites que se realizan a través de Internet. E aínda que isto a priori axiliza a burocracia, tamén conduce a que determinados perfís menos hábiles terminen navegando sen rumbo por unha web chea de información e ligazóns nas que perderse.
Un dos obxectivos da colaboración de Balidea fronte co Concello da Coruña é a vixilancia da calidade e do mantemento da información, a usabilidade e a accesibilidade da web corporativa municipal. Isto inclúe tarefas como a de comprobar o uso adecuado das taxonomías que clasifican a información, a composición de novas páxinas e a reestruturación das existentes, a asistencia e soporte a persoas usuarias para a resolución de dúbidas funcionais, a edición e adaptación de elementos gráficos ou a revisión, actualización e carga de contidos.
Grazas á colaboración man a man e ao uso de varias ferramentas informáticas, existe unha vía directa de comunicación entre cada área do Concello e Balidea. Desta maneira, cada departamento pode xerar unha petición que recibe a empresa galega. Este sistema axiliza o proceso da xestión de contidos dos portais, permitindo resolver cada petición no menor tempo posible.
Portal web do servizo educativo
Dentro dos diferentes sitios web que aglutina a páxina corporativa municipal está o portal de Educación, no que tamén colabora Balidea para o seu mantemento e evolución. É unha das webs que recibe actualizacións constantes de información como os programas educativos do Plan Coruña Educa. Pero, o que máis consultas telefónicas xera, cu servizo de soporte facilitado tamén desde Balidea, adoitan ser as convocatorias de bolsas e as solicitudes de praza na rede de escolas infantís municipais. Son contidos críticos nos que a marxe de manobra non é moita debido aos prazos de solicitude e as prazas limitadas dispoñibles en cada convocatoria. A coordinación do servizo municipal de educación co servizo de xestión web ofrecido pola consultora dixital facilita e axiliza os procesos.
Visit Coruña, a nova web de Turismo
Pero tamén hai casos que son todo o contrario, onde os contidos non son tan urxentes e hai tempo para elaborar propostas e ideas. Un exemplo diso é a nova web de Turismo, cuxo obxectivo consiste en que as persoas usuarias poidan atopar toda a información necesaria para preparar a súa visita á cidade galega. Neste portal, que se lanzou o ano pasado, o deseño xoga un papel fundamental do que Balidea foi partícipe. A web conta cun estilo onde as imaxes teñen gran protagonismo e serven para atraer ao público. É un uso da fotografía que tamén está presente en varios menús en formato de bloques ao longo da páxina.
Do mesmo xeito, os contidos e a información de sitios de interese turísticos foron revisados. Todos estes cambios actualizan o portal para seguir un estilo visual máis moderno e atractivo, así como mellorar a usabilidade xeral da páxina. Unha das novidades máis interesantes da web é a sección “Prepara a túa viaxe”, onde se inclúen distintos plans para visitar a cidade en familia, en parella, con amigos e con mascota.
Portal propio para a Torre de Hércules
Xunto ao portal de Turismo creouse tamén unha páxina exclusiva para a Torre de Hércules, o monumento máis emblemático da Coruña. A nova web segue a liña estética de Turismo, cobrando a imaxe unha grande importancia á hora de atraer visitantes. O peso da imaxe repártese cos distintos textos, que ofrecen información detallada sobre a historia da torre, o seu interior, o faro ou curiosidades e lendas. A achega de Balidea en ambas as webs enmárcase no servizo que prestan ao consistorio herculino de vixilancia da calidade e de mantemento da información, usabilidade e accesibilidade da web municipal.
Se lle preguntamos a Copilot, a IA de Microsoft, pola súa opinión e análise da web do Concello de Coruña, diranos que a web está ben estruturada e resulta fácil de navegar, sendo accesible para as persoas usuarias e proporcionando información de maneira eficiente. Con todo, desde o Concello da Coruña e Balidea prefiren que sexa a cidadanía quen teña unha experiencia positiva coa web, facendo honra a un dos seus leitmotivs: tecnoloxía para ás persoas.