Bañeira multimedia para melómanos preocupados pola súa hixiene

venres, 9 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

No baño e na ducha, téñense estragado moi boas cancións. E a cousa non ten visos de mellorar, mentres haxa firmas que poñen no mercado inventos como o da imaxe, unha bañeira coa que, ademais de consumir auga a esgalla, podes pór a proba a paciencia de veciños e familiares poñéndolle a segunda voz a unha boa listaxe de temas musicais, películas ou mesmo programas e series de televisión. A Bazen AT-956TV inclúe pantalla LCD, reprodutor de DVD e sintonizador de TV e radio. Ou sexa: o ideal para estar todo o día en remollo e amolecendo, coma as legumes que se van comer ó día seguinte.
Este aparello, que se presentou na feira de Corea chamada Kyung Hyan, non semella o ideal para contribuír ó aforro dos recursos naturais (neste caso, a auga), pero para que non proian conciencias inclúe unha serie de dispositivos de masaxe para dúas persoas (ou sexa: que lle vaian dando ó mundo e á escaseza de auga mentres eu reciba a hidroterapia coreana). O jacuzzi multimedia conta tamén cun termóstato que serve para axustar a temperatura da auga (non sería moi tecnolóxico nin moi chic ter que regulala polo método tradicional: simultaneando con elegancia o uso da billa de auga quente coa da auga fría). O seu prezo (polo de agora, só en Oriente) é de 5.200 dólares.

PUBLICIDADE