Barnes & Noble presenta os seus novos tablets Nook

mércores, 26 de setembro do 2012 Marcus Fernández

A cadea de librarías Barnes&Noble move ficha ante o lanzamento dos novos tablets de Amazon, e tamén actualiza a súa liña de tablets baseados en Android, enriquecendo este segmento de produtos que está a gañar en competitividade cos novos Nook HD e Nook HD+, que chegan con pantallas de 7 e 9 polgadas, no que parece practicamente un calco dos Kindle Fire HD (aínda que con algunhas diferenzas significativas).
Por unha banda temos o Nook HD, que coa súa pantalla de 7 polgadas consegue superar ao Kindle Fire HD e ao Nexus 7 por contar cunha resolución de 1.440 x 900 píxeles (fronte aos 1.280 x 800 dos outros dispositivos), aínda que noutros elementos estariamos ante un tablet máis modesto. Funciona cun procesador OMAP 4470 de dobre núcleo a 1,3 GHz, 1 Gb de RAM, 8/16 Gb de almacenamento interno, Android 4.0, unha autonomía de ata 10,5 horas de lectura e 9 horas de reprodución de vídeo e un prezo de 199 dólares para o modelo de 8 Gb e de 229 dólares para o modelo de 16 Gb.
Igual de interesante resulta o Nook HD +, que cunha pantalla de 9 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.280 píxeles consegue estar á altura do seu equivalente de Amazon, contando desta volta cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, Android 4.0, unha autonomía de 10 horas de lectura e 9 horas de reprodución de vídeo e un axustado prezo de 269 dólares para o modelo de 16 Gb e de 299 dólares para o modelo de 32 Gb.
Aínda que nun principio estes tablets non estarán dispoñibles en España, poderán adquirirse en Reino Unido antes de rematar o ano a través de establecementos de John Lewis, Currys, PC World e Argos.

PUBLICIDADE