Base para conectar discos SATA por USB ou eSATA

mércores, 28 de maio do 2008 Marcus Fernández

A lectura de tarxetas de memoria é un interesante engadido a este adaptador para discos SATA

A tenda hongkonesa Brando vende un curioso adaptador para conectar externamente discos duros SATA (tanto de 2,5 coma de 3,5 polgadas) ao noso ordenador tanto a través de USB coma dun porto eSATA que, para completar o produto, inclúe un concentrador de 2 portos USB e 4 fendas para a lectura de tarxetas de memoria (SD, SDHC, MMC, MMC-II, MMC Plus, MMC Plus Turbo, MMC Mobile, Mobile-ProC, Compact Flash, XD, Memory Stick, Memory Stick Magic Gate, Memory Stick Pro e Memory Stick Duo, incluíndo tamén certas variantes das anteriores co adaptador correspondente).
A base de conexión mide 130 x 120 x 68 milímetros, pesa 475 gramos, inclúe alimentación, cable USB e cable eSATA, e o seu prezo de venda é de 54 dólares (aos que hai que sumar 25 dólares de portes, polo que o seu prezo final sería duns 51,35 euros).
O adaptador é compatible con equipos con Windows XP, Vista e Mac OS X, e resulta de grande utilidade tanto para ampliar a capacidade de almacenamento do noso equipo como para recuperar información de discos duros internos prescindindo do equipo no que estaban instalados.

PUBLICIDADE