Batería sen fíos de Logitech para o Guitar Hero World Tour</Em>

mércores, 15 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Dende Logitech colléronlle gusto aos instrumentos musicais para consolas cun deseño de luxo, e tras a súa guitarra sen fíos á venda por 199,99 euros presenta agora unha batería para o Guitar Hero World Tour chamada Logitech Wireless Drum Controller, que ten unha aparencia bastante realista, que polo momento chegaría para a PlayStation 3 (aínda que parece estar en preparación o modelo para Xbox 360) e sairá á venda nos EE.UU. este mes por 229,99 dólares (162,33 euros), mentres que en Europa haberá que agardar a agosto para ver o trebello nas tendas.
Sobra dicir que aparte dun maior realismo, esta batería ten unha resposta moito mellor que a do instrumento orixinal para o xogo musical, tamén fai menos ruído e o seu pedal permite axustar a súa resposta. Amais, pode encartarse para ocupar incluso menos espazo que a batería orixinal.
A batería funciona cun par de pilas AA que permiten unha autonomía dunhas 50 horas, comunícase coa PS3 a través da banda dos 2,4 GHz e o seu uso nunha PlayStation 2 é posible a través dun receptor USB.

PUBLICIDADE