Batman: Arkham City lanzarase o 21 de outubro

luns, 14 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Warner Bros. Interactive anunciou que o agardado Batman: Arkham City chegará oficialmente a España nas súas versións de Xbox 360, PlayStation 3 e PC o vindeiro 21 de outubro, continuando a saga iniciada por Batman: Arkham Asylum, pero trasladando a acción a un escenario de maiores dimensións, cunha nova historia e coa incorporación de moitos personaxes que recoñecerán os seareiros do cruzado da capa nos comics.
O xogo chegará así nunha fiestra de lanzamentos habitualmente reservada para os grandes xogos do ano, en vez de chegar a finais do verán como a súa primeira entrega, o que dá a entender que a súa distribuidora confía nunhas vendas sólidas pese a ter que competir cos grandes títulos que queren monopolizar a campaña de Nadal.
Pero Arkham City non vai quedar só nun videoxogo, senón que no verán tamén comezarán a comercializarse figuras de acción de personaxes como Batman e Dúas Caras, e DC tamén publicará unha miniserie de 5 comics inspirada no novo videoxogo, que estará guionizada por Paul Dini e debuxada por Carlos D’Anda, que comezará a publicarse o 11 de maio.


Último trailer do xogo

PUBLICIDADE