Batman: Arkham Knight chegará ás tendas o 2 de xuño de 2015

luns, 8 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que o xogo de Rocksteady Games Batman: Arkham Knight estaba previsto para a vindeira campaña de Nadal, o anuncio do seu adiamento a 2015 daba a entender que poderiamos ter que agardar aos meses de febreiro ou marzo para poder gozar do que podería ser o título definitivo desta saga, pero hoxe fíxose pública a data de lanzamento definitiva, que está aínda máis afastada do previsto, quedando a saída deste xogo para PC, Xbox One e PS4 no 2 de xuño de 2015.
Dende Warner Bros. Interactive Entertainment non se limitan a publicar a data de lanzamento do xogo, senón que tamén detallan os contidos dun par de edicións especiais do mesmo, que estarán dispoñibles en cantidades limitadas. Por unha banda teremos unha edición limitada que custará 99,99 euros para PC e 119,99 euros para consola, que engadirá ao xogo (que virá nunha caixa metálica) un libro de ilustracións de 80 páxinas, un cómica, 3 skins para o xogo e unha estatua conmemorativa de Batman, mentres que a edición máis luxosa (só dispoñible para consolas) venderase a 199,99 euros e, en vez da figura de Batman, incluirá unha estatua totalmente transformable do Batmóbil, no que parece que será toda unha peza de coleccionista polo seu elevado nivel de detalle.

A edición limitada máis luxosa incluirá unha figura transformable do Batmóbil

PUBLICIDADE