Batman: Arkham Knight e Darksiders III serán os vindeiros xogos mensuais de PS Plus

mércores, 28 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Os subscritores de PlayStation Plus recibirán no mes de setembro un par de xogos bastante atractivos, e que curiosamente son ambos a terceira entrega principal dunha saga.
A partires do 3 de setembro poderemos facernos con Batman: Arkham Knight, xogo de Rocksteady que continúa a historia de Batman: Arkham Asylum e Batman: Arkham City, pondo o broche a unha magnífica saga que tamén conta con outros xogos menores (como Batman: Arkham Origins ou Batman: Arkham VR). Estamos ante o explosivo peche dunha serie na que non faltan inimigos como o Espantallo, Harley Quinn ou Killer Croc, e que mantén o nivel técnico das anteriores entregas. Todo un luxo para os subscritores de PS Plus.
O outro xogo do mes sería Darksiders III, aventura de acción ambientada nun universo de fantasía creado por Joe Madureira, reputado debuxante de cómics. Esta entrega está protagonizada pola maga Furia, personaxe que ocuparía o posto do xinete da Apocalipse coñecido como Fame, tomando o relevo de Guerra e Fame, e que terá que desfacerse das encarnacións físicas dos sete Pecados Capitais.
A xeito de extra, en setembro tamén estará dispoñible o xogo independente Deiland, xogo de aventuras que combina mecánicas de RPG e sandbox, que chega grazas ao programa PlayStation Talents.

PUBLICIDADE