Batman: Arkham Origins Blackgate estrea trailer

venres, 30 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O grande xogo de Batman deste ano, Batman: Arkham Origins, chegará no outono a Xbox 360, PlayStation 3, Wii U e PC (nesta última versión incluirá optimizacións específicas para tarxetas gráficas de nVIDIA, como vén a ser habitual nesta saga) e, para non deixar sen gozar das aventuras do home morcego aos usuarios de consolas portátiles, terá tamén un xogo complementario, Batman: Arkham Origins Blackgate, para PS Vita e Nintendo 3DS, do que por fin podemos ver un trailer no que se intercalan secuencias de animación con imaxes in-game.
Este xogo de Armature Studios sitúase durante un motín no que o Pingüín toma o control da Prisión de Blackgate, contando coa presenza dalgúns dos malvados do xogo para consolas domésticas (como o Joker, Deadshot e Black Mask) e outros inimigos que aínda non se confirmaron para tal xogo (como Tigre de Bronce e Solomon Grundy); e presentará unha mecánica de plataformas en dúas dimensións e media na que manexaremos a Batman e, polo que dá a entender o novo trailer, tamén poderemos encargar a Catwoman (algo que tamén era posible na anterior entrega da saga).
A data de lanzamento de Batman: Arkham Origins Blackgate está fixada para o 25 de outubro, coincidindo coa chegada de Batman: Arkham Origins ás tendas.

O trailer dá a entender que poderemos controlar a Catwoman no xogo


Trailer de Batman: Arkham Origins Blackgate

PUBLICIDADE