Batman: Arkham Origins podería contar con modo multixogador

luns, 29 de abril do 2013 Marcus Fernández

Despois de que a revista Game Informer desvelase que este ano teremos o xogo Batman: Arkham Origins, chegan novas informacións relativas a este título que está a desenvolver Warner Bros. Games Montreal, desta volta da man da revista Games Master, onde apuntan que esta nova entrega podería ser a primeira da franquía en incluír modo multixogador.
No xogo narrarase o primeiro encontro entre Batman e o capitán Gordon, veremos a un Batman nos seus primeiros anos (cunhas habilidades aínda por refinar), manterase o sistema de control de Batman: Arkham City, estaba previsto que o xogo contase cun indicador de tormenta (o xogo desenvólvese durante unha tormenta de neve, polo que as condicións climatolóxicas poderían influír na evolución dos combates) pero eliminouse tal característica, o modo detective inclúe un sistema de progresión de accesorios, a cidade de Gotham será máis vertical que a amosada no último xogo da saga, a inspiración desta historia proven principalmente de Legends of the Dark Knight (colección de comics que recolleu varias das historias máis memorables do Cabaleiro Escuro), procurarán que Batman proxecte unha imaxe temible, pretenden que Deathstroke sexa unha boa contrapartida de Batman e tamén contará con pequenas campañas secundarias na que ter que atrapar a outros criminais da enorme galería de inimigos de Batman.

Aínda que estaba previsto que as tormentas afectasen decisivamente aos enfrontamentos no xogo, finalmente non se explotará tal funcionalidade
Batman: Arkham Origins conservará o sistema de control de Batman: Arkham City
Deathstroke será unha boa contrapartida de Batman no novo xogo

PUBLICIDADE