Battlefield 1 e Assassin’s Creed destacan entre os Xogos con Gold de novembro

martes, 30 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Microsoft desvelou hoxe os xogos que ofrecerá en novembro sen cargo adicional aos subscritores de pagamento de Xbox LIVE, e tras un par de meses bastante frouxos, elevou inmensamente o nivel para ofrecer unha selección de grandes títulos que agradecerán moitos.
Por unha banda, a partires do 1 de novembro será posible facerse en Xbox One con Battlefield 1, o grande xogo de guerra total que Electronic Arts lanzou hai un par de anos, e que foi todo un éxito, polo que quen non se fixese con el ten agora unha excelente oportunidade de achegarse á súa campaña e ao seu multixogador con até 64 xogadores. Para Xbox One tamén ofrecerán a partires do día 16 o xogo Race the Sun, título independente de carreiras aéreas contra o tempo sen moitas pretensións.
Os xogos de Xbox 360 de novembro, que grazas á retrocompatibilidade poden recuperarse en Xbox One, son moi interesantes, pois na primeira quincena do mes teremos ao primeiro Assassin’s Creed, convidando a revisar os inicios da franquía agora que mudou profundamente en xénero e escala; e na segunda quincena de novembro teremos Dante’s Inferno, un xogo que podía considerase inspirado en God of War, pero mudando a ambientación da mitoloxía grega ás páxinas de A Divina Comedia, concretamente no poema no que Dante percorre os Nove Círculos do Inferno para rescatar a alma da súa amada Beatriz.
Temos, en definitiva, un novembro no que 3 dos 4 xogos entrarían na categoría de AAA, o que é moi de agradecer nun momento no que tanto Microsoft como Sony estaban a pecar de ofrecer títulos independentes de pouco interese aos seus subscritores de pagamento.

Vídeo promocional do Xogos con Gold de novembro

PUBLICIDADE