Battlefield V estará ambientado na II Guerra Mundial

xoves, 24 de maio do 2018 Marcus Fernández

Electronic Arts anunciou hoxe que o vindeiro mes de outubro teremos o xogo Battlefield V con versións para PlayStation 4, Xbox One e PC, achegando un retrato da Segunda Guerra Mundial como nunca se viu, e volvendo así ás orixes da franquía, iniciada hai máis dunha década con Battlefield 1942.
Para Battlefield V, en vez de reciclar localizacións de Battlefield 1942, optaron por explorar lugares pouco comúns pero esenciais, para contar historias pouco coñecidas, conservando tamén elementos memorables da Segunda Guerra Mundial como paracaidistas caendo dende o ceo para axudar en misións críticas, pero desencadeando unha situación impredicible tras tocar o chan.
Aínda que o forte desta franquía é a experiencia multixogador, con War Stories teremos unha campaña para un xogador ambientada en Noruega, en medio da ocupación alemá, onde coñecerase a historia dun mozo loitador da resistencia.
No multixogador poderemos movernos por campos e pantanos, por pontes e canais, por cidades devastadas... visitaremos o norte de Francia aos comezos da guerra, pero tamén participarase na ofensiva alemá sobre as posicións británicas no río Escalda, que darían lugar aos dramáticos eventos de Dunkerque. Tamén poderanse personalizar os soldados, armas e vehículos, para crear unha compañía propia na que definiremos dende o aspecto até a súa experiencia táctica, destacando o feito de que poderemos elixir se os soldados son homes ou mulleres.
Battlefield V chegará a partires do 11 de outubro de xeito anticipado para subscritores de EA Access e Origin Access, e aínda que o seu lanzamento oficial non será até o 19 de outubro, os que merquen a Deluxe Edition poderán gozar do xogo con 3 días de antelación.

Un curioso detalle de Battlefield V é que poderemos elixir o sexo dos soldados da nosa compañía

Tráiler de presentación do xogo

PUBLICIDADE