Battlefront II sae á venda tendo que revisar as súas compras integradas

venres, 17 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Hoxe saíu á venda o esperado Star Wars Battlefront II en versións para PlayStation 4, Xbox One e PC, que permítenos vivir unha nova experiencia de acción ambientada no universo cinematográfico creado por George Lucas, e que desta volta chegou rodeado pola polémica, xa que hai poucos días os seareiros do xogo organizaron protestas na Rede ao desvelarse detalles da economía deste título, no que vían dun abuso por parte de Electronic Arts para forzar aos usuarios a pagar por contidos.
Como exemplo do abusivo sistemas de créditos do xogo temos que para poder desbloquear personaxes clásicos como Luke Skywalker ou Darth Vader hera preciso investir 60.000 créditos por cada un, polo que habería que xogar unhas 40 horas para poder conseguir desbloquear a cada personaxe sen empregar cartos reais, o que vese como un exceso principalmente porque estamos ante un xogo que se vende a prezo completo e non ante un título free-to-play.
Precisamente o rexeitamento do público levou a que os responsables do xogo tivesen que revisar a súa economía, reducindo drasticamente a cantidade de cartos virtuais para desbloquear os personaxes como Luke e Vader, que agora custarán 15.000 créditos, mentres que outros como o Emperador, Chewbacca ou Leia custarían 10.000 créditos, o que fai que o desbloqueo de personaxes sexa un logro ao alcance de case calquera xogador.
Confiemos en que este tipo de situacións leven a que as compañías sexan máis consideradas co peto dos consumidores, e non sobrecarguen os videoxogos con pagamentos integrados para poder gozar dunha experiencia completa, pois aínda que para algunhas empresas os ingresos in-game xa son maiores que os da venda de videoxogos, os usuarios poden dar as costas a unha franquía se consideran que fan un uso excesivo das compras integrada.

Tráiler de lanzamento de Star Wars Battlefront II

PUBLICIDADE