Bayonetta 2 será exclusivo de Wii U por estar editado por Nintendo

venres, 14 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Coa presentación dos plans de comercialización da Wii U en Europa e EE.UU. anunciouse o xogo de Platinum Games Bayonetta 2, converténdose na grande sorpresa da xornada, tanto polo feito de que non se sabía nada de tal secuela, como polo feito de que vaia ser exclusiva da nova consola doméstica de Nintendo, pero as reaccións por parte dos seareiros da saga foron bastante negativas, pois sentíronse ofendidos polo feito de que o título non vaia estar dispoñible para a súa consola de videoxogos actual.
Todo iso levou á xente de Platinum a reaccionar, e comentaron que tras o desenvolvemento do primeiro Bayonetta estiveron a manter conversas con SEGA para continuar a saga, e ante a falta de apoio de tal compañía, tiveron que recorrer a Nintendo para editar Bayonetta 2, o que explica que vaia ser exclusivo para unha consola da compañía nipona. A intención de Platinum Games nunca foi molestar aos seus seareiros, e parece que, de existir un culpable da ausencia do novo título nas consolas domésticas actuais non sería outro que SEGA.


Vídeo de presentación do xogo

PUBLICIDADE