Bayonetta consegue unha puntuación perfecta na revista Famitsu

mércores, 21 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A revista xaponesa de videoxogos Famitsu é coñecida habitualmente pola súa esixencia á hora de puntuar os xogos, partindo dun sistema de 4 críticos que dan de 0 a 10 puntos cada un, de xeito que acadar unha puntuación total de 40 era algo que nos últimos anos quedara restrinxido a xogos coma The Legend of Zelda: Ocarina of Time, Smash Bros. Brawl e Metal Gear Solid 4, e que no último número da publicación tamén recaeu na versión para Xbox 360 de Bayonetta, xogo que tivo que conformarse cun 38 na adaptación para PlayStation 3 (desenvolvida por un estudo diferente), o que tampouco está nada mal, especialmente se o comparamos cos 33 puntos que van parar a Tekken 6 (nas versións de Xbox 360 e PS3) ou os 31 puntos de Sin and Punishment 2.
Bayonetta chega ao mercado nipón a semana que vén, mentres que en España deberemos agardar a xaneiro para poder gozar deste título de PlatinumGames, de aí que capte tanta atención a acollida que teña o xogo no Xapón, pois podería ser un adianto do éxito que vaia ter en Europa e EE.UU., dando a impresión de que a demora occidental vén provocada por unha axeitada estratexia comercial, evitando competir no Nadal con grandes títulos coma Call of Dury: Modern Warfare 2, Dragon Age: Origins e Assassin’s Creed II. Terían así aprendida a lección do ano pasado, no que no último trimestre do ano coincidiron moitos lanzamentos importantes que non foron capaces de despuntar entre a última entrega de Call of Duty e as entregas anuais dos FIFA e o PES.

Escaneo da revista Famitsu

PUBLICIDADE