BenQ continúa no mercado dos smartphones

martes, 3 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante taiwanés BenQ decidiu continuar a fabricar smartphones, e entre os seus novos terminais temos dispositivos de certo interese como o BenQ F3, que vén de pórse á venda por 7.990 dólares de Taiwán (198,97 euros), o que pode parecer un prezo un tanto elevado se temos en conta que estamos ante un dispositivo cun procesador MediaTek MT6589 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), pantalla IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles e batería de 2.100 mAh, pero un elemento xustificaría que non estivésemos ante un dispositivo de gama media-baixa, a súa cámara traseira de 13 Mpíxeles con sensor retroiluminado, apertura F2.2, flash automático e HDR (que vén acompañada por unha cámara frontal de 2 Mpíxeles).
Precisamente o relativamente elevado prezo deste smartphone con Android 4.2, un grosor de 8,9 milímetros e 119 gramos de peso levou ao seu fabricante a lanzar por 5.990 dólares de Taiwán (149,27 euros) o seu modelo A3, que conseguiría ter un prezo moito máis axustado grazas a optar por unha cámara traseira máis modesta (de 8 Mpíxeles), así como un peso maior (135 gramos) e unha batería de menor capacidade (2.000 mAh).

PUBLICIDADE