Bionic Commando: Rearmed 2 chega á PS3 e á Xbox 360

mércores, 2 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A franquía de Bionic Commando está chea de contrastes, de xeito que, mentres o seu remake para consolas de alta definición desenvolvido polos estudos GRIN foi un sonoro fracaso, o xogo descargable Bionic Commando: Rearmed (máis fiel ao xogo orixinal) tivo unhas vendas moi elevadas, de aí que hoxe poidamos ver cómo ao Bazar de Xbox LIVE e á PlayStation Store chegue unha secuela deste título a 1.200 puntos (14,4 euros) e 14,99 euros respectivamente.’
Bionic Commando: Rearmed 2 nace da evolución do xogo de acción de desprazamento lateral protagonizado por Nathan Rad Spencer, que desta volta non só dispara e balancéase empregando o seu brazo biónico, senón que tamén pode saltar (elemento ausente no xogo orixinal, o que era todo un detalle distintivo que contribuía a incrementar a dificultade do título). Pese a que entendemos que este tipo de xogos están orientados ás campañas para un xogador, Rearmed 2 conta cun modo cooperativo sen conexión para 2 xogadores.
O xogo conserva a clásica xogabilidade 2D cun acabado gráfico en 3D, polo que visualmente está a altura de moitos outros xogos actuais, mentres que no apartado sonoro temos unha banda sonora nova (pero inspirada na do Bionic Commando de NES).
Pese a que a chegada deste título sexa recibida con ledicia por moitos amantes dos xogos retro ou con mecánicas clásicas, un detalle parece estar luxando esta estrea, pois parece ser que a versión de PlayStation 3 inclúe un sistema de protección anti-copia (posiblemente froito do actual crackeo da PS3) que impide xogar a Bionic Commando: Rearmed 2 sen acceso á Rede, medida que resulta bastante incómoda para os usuarios que pagan por un xogo que conta con limitacións ás que non estamos afeitos.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE