Biostatech, bFlow e Innogando, distinguidas nos premios Mellor Iniciativa Empresarial USC

venres, 1 de xullo do 2022 S. P.

As empresas Biostatech, bFlow e Innogando foron recoñecidas esta semana nos premios Mellor Iniciativa Empresarial USC. A entrega de galardóns formalizouse nun acto presidido polo reitor Antonio López e celebrado no Colexio de Fonseca. A primeira edición destes recoñecementos diríxese a empresas de base tecnolóxica (EBT) da USC participadas pola institución, así como a proxectos empresariais e empresas start-up creadas nos últimos 24 meses que recibiran axuda dalgún dos programas de apoio á creación de empresas da USC.
No seu ditame, o xurado tivo en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto, o grao de innovación do produto, proceso ou servizo, a capacidade de xeración de emprego da iniciativa, o carácter multidisciplinar do equipo promotor e as políticas de igualdade na actividade da empresa. Ademais, no caso das iniciativas empresariais de base tecnolóxica valorouse o grao de consolidación da empresa, a introdución de produtos ou servizos innovadores e o impacto da empresa na USC.
Na categoría de mellor EBT consolidada, resultou vencedora Biostatech. Trátase dunha empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e persoal investigador con ampla e contrastada experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde. Acordouse tamén facer unha mención especial a iBone Lab “polo seu rápido crecemento e a conta de resultados positiva dende as primeiras fases da súa traxectoria”.
Bflow, premio á mellor EPB de recente creación, ofrece solucións de microfluídica grazas ao deseño personalizado e fabricación por tecnoloxía láser dun chip con microcanles sobre as que se pode realizar cultivo celular e ás que se lles aplica unha simulación de fluxo. En investigación preclínica, esta tecnoloxía permite probar as moléculas e fármacos nunhas condicións moi similares ás dun ser vivo, polo que, empregada antes de pasar o test en animais, permite identificar os mellores candidatos a superar ese test, reducindo e racionalizando así tempo de investigación, custos experimentais e número de animais de experimentación.
Finalmente, na categoría de mellor startup, resultou premiada Innogando, nova firma xurdida do programa Explorer USC-Lugo grazas a RUMI, un sistema de localización GPS para gando vacún que monitoriza en tempo real o estado do animal e achega información sobre o seu comportamento. Os promotores desta aplicación ampliaron as súas prestacións coa incorporación de análises doutros parámetros que achegan aos gandeiros datos relacionados coa preñez, período de xestación e datas de parto.

PUBLICIDADE