Blackmagic Design amosa a súa futura cámara de cine inmersiva

martes, 11 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Durante a conferencia inaugural de Apple na WWDC 2024, ao falar de VisionOS adiantouse a gravación de vídeos espaciais para ver en Apple Vision Pro non se limitarían aos que se fixesen co iPhone 15 Pro, senón que este ano Canon lanzaría un novo obxectivo espacial para a súa cámara Canon EOS R7, permitindo así a creación de vídeos espaciais incluso en espazos pouco iluminados.
Tamén apuntaron que esta ano Blackmagic Design lanzaría un sistema de cámaras e adaptaría DaVinci Resolve Studio para poder producir vídeos compatibles co formato Apple Immersive Video.
Está así a abrirse a porta a todo un ecosistema de creación de contidos audiovisuais estereoscópicos que poderían repetir o fracaso dos televisores 3D ou revolucionar completamente a o sector audiovisual con experiencias inmersivas impresionantes.
O que si parece claro é que a proposta de Canon mencionada non parece ser moi ambiciosa (pois a cámara á que está dirixida o obxectivo non produce contidos de grande resolución), mentres que Blackmagic Design si podería marcar un antes e un despois, xa que presentaron o que será a Blackmagic URSA Cine Inmersive, unha cámara de cine estereoscópica, que aínda está en desenvolvemento, e que promete que será capaz de gravar vídeo cun rango dinámico de 16 pasos, 90 imaxes por segundo e unha impresionante resolución de 8.160 x 7.200 píxeles por ollo. Deste xeito a cámara podería servir para crear imaxes que transmitisen con grande fidelidade a realidade, cunha inmersión sen precedentes grazas á estereoscopía, a resolución e a velocidade de refresco.
Aínda que actualmente pode parecer algo absurdo producir contidos para un dispositivo como Apple Vision Pro (con tan poucas unidades no mercado), cómpre lembrar que os contidos deste tipo tamén poderían aproveitarse practicamente calquera visor de realidade aumentada que haxa no mercado, polo que nun par de anos as gravacións inmersivas de eventos en vivo poderían deixar de ser algo anecdótico.

A futura cámara de cine de Blackmagic Design incluso podería empregarse con drons para conseguir imaxes espectaculares