Blackmagic presenta unha cámara cinematográfica 12K

venres, 17 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Blackmagic Design deu a coñecer a súa nova cámara cinematográfica dixital Blackmagic URSA Mini Pro 12K, que conta cun sensor Super 35 (cunha resolución de 12.228 x 6.480 píxeles) e un rango dinámico de 14 pasos para filmar secuencias de até 60 imaxes por segundo en 12K cunha resolución de 80 Mpíxeles por cadro, que tira proveito da colorimetría de 5ª xeración desenvolvida por Blackmagic (soportando tamén o formato RAW da compañía). Esta impresionante cámara chega este mesmo mes ao mercado norteamericano a un prezo de 9.995 dólares.
Esta nova cámara busca aproveitar a súa resolución para conseguir mellores imaxes en 8K e 4K, conseguindo un nivel de detalle máis propio das cámaras fotográficas de alta gama. Tamén pode gravar en 8K a 110 imaxes por segundo e a 4K a 220 imaxes por segundo, ou sexa, que permite filmar a altas frecuencias sen perder resolución nos formatos de destino. Tamén conta con montura PL intercambiable, filtros de densidade neutra integrados, 2 rañuras para tarxetas CFast e SD UHS-II e porto de expansión USB-C SuperSpped.
Esta cámara resulta ideal para longametraxes, series de televisión e contidos en formato IMAX, e a súa elevada resolución tamén dálle grande versatilidade á hora de filmar contidos que poidan aproveitarse para vídeos en vertical ou en formato 1x1.
As cámaras URSA Mini Pro inclúen unha versión completa da aplicación DaVinci Resolve Studio, a solución máis avanzada do mercado que combina ferramentas profesionais de etalonaxe, posprodución de audio e efectos visuais, que facilita o aproveitamento das gravacións en Blackmagic RAW, que posibilita a posprodución en calquera resolución de xeito instantáneo, sen necesidade de renderizar, e mantendo a precisión cromática do sensor.

PUBLICIDADE