Blusens fabrica en Compostela 120.000 televisores para a campaña de Nadal

martes, 14 de decembro do 2010 Redacción

Blusens, a multinacional tecnolóxica galega, anuncia que durante a campaña de Nadal de 2010 ten previsto fabricar 120.000 televisisores (LED e LCD de entre 19 e 22 polgadas) nas súas instalacións do Parque Empresarial Costa Vella, en Santiago de Compostela. A liña de produción, totalmente automatizada, e que permite a produción tanto de televisores coma de discos duros, foi instalada en 2009 para substituír á anterior liña de produción das mesmas instalacións, buscando a optimización e o incremento da cadencia de produción, así como a mellora dos estándares de calidade en fabricación.
En palabras de José Ramón García, presidente executivo da compañía de electrónica de consumo compostelá, «Blusens aposta firmemente polo desenvolvemento industrial de Galicia. A nosa liña de produción de televisores, xunto co resto das nosas instalacións de servizo técnico, call-center, loxística, calidade e sobre todo I+D é unha mostra máis do compromiso de Blusens co tecido industrial e empresarial de Santiago e toda Galicia».
A produción prevista para decembro supuxo a incorporación dunha terceira quenda de traballo de noite, que se suma aos de mañá e tarde xa en funcionamento.

PUBLICIDADE