Borderlands destaca entre os Games with Gold de marzo

martes, 23 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe a listaxe de xogos que recibirán sen custo adicional os subscritores de pagamento de Xbox LIVE durante o mes de marzo, que agora que a Xbox One recibiu a retrocompatibilidade con Xbox 360 gañou en atractivo e, de feito, dá a impresión de que están a coidar máis os xogos de Xbox 360 incluídos en Games with Gold que os xogos de Xbox One.
Durante todo o mes de marzo os usuarios Gold de Xbox One poderán facerse con Sherlock Holmes: Crimes and Punishments, aventura gráfica detectivesca lanzada no outono de 2014 que está valorada actualmente en 29,99 euros; a partires do 16 de marzo chegará o xogo de rol de acción Lords of the Fallen, valorado en 39,99 euros, e que permitirá vivir unha aventura épica enfrontándonos a poderosos guerreiro e a perigosos demos, podendo elixir se encargar a un guerreiro, un clérigo ou un rufián (con alto nivel de personalización das súas habilidades e armas).
Para Xbox 360 temos que durante a primeira metade do mes ofrecerase Supreme Commander, discreto xogo de estratexia en tempo real valorado en 29,99 euros; mentres que a grande xoia do mes sería Borderlands, todo un clásico moderno dos shooters que conseguiu cimentar unha franquía de éxito, e que grazas a Games with Gold poderán recuperar os que queiran revivir a súa experiencia ou introducirse nesta saga tan inspiradora.

O Borderlands de Xbox 360 estará incluído nos Games with Gold de marzo

PUBLICIDADE