Bose estrea uns auriculares deportivos que apostan pola comodidade

luns, 6 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Aínda que entre as novidades de Bose destaquen especialmente os auriculares sen fíos con cancelación de ruído, cando se trata de practicar deporte en exteriores tal opción resultaría extremadamente perigosa, xa que a cancelación de ruído pode illar excesivamente do contorno, facendo que non percibamos a transeúntes, vehículos... estando máis expostos a un accidente, de aí que Bose lanzase uns auriculares deportivos sen tal tecnoloxía, centrando o seu deseño na comodidade, na estabilidade e na resistencia a líquidos (para non ter problemas coa suor e poder tamén lavar os auriculares tras os adestramentos, para poder conservalos cunha mínima hixiene).
Así temos os novos auriculares sen fíos SoundSport, xa dispoñibles nos EE.UU. en cor negra ou azul a un prezo de 149,95 dólares, e que contan cuns tapóns deportivos de silicona branda que busca axustarse de xeito cómodo e fiable ao ouvido, comunícanse por Bluetooth (con emparellamento por NFC) para poder recibir o son sen fíos ou tamén para xestionar os auriculares a través dunha aplicación móbil (para iOS e para Android), con cun sistema de ecualización sonora para conseguir un audio equilibrado a calquera nivel de volume e a súa batería permite un uso continuo de até 6 horas, de xeito que sería máis que dabondo para acompañar nun adestramento.
Cómpre destacar que estes auriculares só pesan uns 23 gramos, poden empregarse como sistema de mans libres e o seu control realízase a través nun pequeno módulo situado no cable que une a ambos auriculares, onde están os botóns de volume, e que dista bastante do grande receptor que teñen outros auriculares deportivos (que nalgún caso incluso chegan a ter formato de diadema).

Vídeo de presentación dos novos auriculares deportivos de Bose

PUBLICIDADE