Bouzas xunta o día 22 ás comunidades galegas de xeoinquedos e usuarios de software libre

mércores, 5 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

JPEG - 46.1 KB
Unha panorámica, dende o mar, da vila de Bouzas

Bouzas, a histórica vila mariñeira de Vigo, vai acoller o vindeiro 22 de xuño un moi interesante evento para todos aqueles que empregan o móbil e o computador para algo máis que para falar e comunicárense cos demais: por exemplo, para descubrir o mundo e, promover, ao mesmo tempo, un mundo sen barreiras tecnolóxicas. Este é o alicerce do evento Geocamp ES que se celebra o día 22 en Bouzas: un alicerce que cingue o eido das tecnoloxías da información xeográfica e máis o do software libre. De feito, un dos grandes obxectivos da cita é amosar como estes conceptos, por separado e xuntos, teñen cada día máis peso na sociedade na que vivimos, tanto para os usuarios de a pé como para empresas e administracións. “Nos últimos anos”, explican os organizadores, “estase a vivir un movemento de xente con grandes inquedanzas sobre estes temas e están a aparecer grandes profesionais do sector que falan galego e que participan en proxectos e xornadas de carácter nacional e internacional”.
A partires dunha destes procesos xa documentados e destas participacións, concretamente na Geocamp do ano 2012 en Campo Maior (Portugal), xorde pois a idea de crear un evento no que compartir experiencias e coñecemento sobre as cuestións da xeo-tecnoloxía e o software libre na nosa terra. O evento resultante, a cita de Bouzas, viría da man dun grupo de xeoinquedos e máis da asociación galega Ghandalf, centrada na promoción e difusión de programas abertos. O evento Geocamp ES, que se vai desenvolver en formato de desconferencia (seguindo a liña de busca de novos xeitos libres e alternativos de achegar tecnoloxía e coñecemento que lles son propios ao movemento do open source), diríxese como dixemos a favorecer a participación e a colaboración arredor das devanditos cuestións, sendo os propios participantes os que lle dean forma ao programa de charlas o propio día das mesmas, xusto antes de comezar. O programa, sinala a organización, contará coa presenza de grandes nomes no mundo do software libre e da xeomática a nivel nacional e internacional. Esta primeira edición celebrarase na localidade mariñeira de Bouzas, pertencente ao concello de Vigo, o que responde “a unha fuxida das grandes cidades e apostando tamén por dar a coñecer as pequenas vilas e os seus encantos”. A entrada é de balde, así como a comida e os cafés que se servirán nos descansos, haberá agasallos para os asistentes “e algunha sorpresa final”. Todo isto grazas aos patrocinadores do evento, sinala a organización.

PUBLICIDADE