Brookesia achega dende a Tecnópole unha innovadora (e premiada) pulseira intelixente

xoves, 12 de novembro do 2015 Redacción

Na nosa carreira imparábel cara a robotización, os chamados wearables (vestíbel, poñíbel...) ou pulseiras intelixentes vanse abrindo camiño á velocidade da luz. Atendendo a esta moda, un grupo de emprendedores ourensáns -José Antonio Velo, Diego Regueira, Marcos Civeira, Óscar Barba e Pablo Rodiz- veñen de crear Brooband, un wearable made in Galiza que, como lembraremos, fíxose recentemente co premio á mellor startup galega concedido polo Clúster TIC Galicia, alén de ser recoñecido con varios premios en convocatorias nacionais e continentais de emprendemento.
Os responsábeis deste enxeño constituían en 2013 Brookesia, unha empresa que dende entón traballou no deseño e produción dunha pulseira "que sexa útil e mellore as condicións de vida do usuario", explican. Con sede en Tecnópole, Brookesia combinou as habilidades emprendedoras, de mercadotecnia e de enxeñaría destes novos empresarios para facerse co éxito que, segundo contan, radica na apertura de mercado, pois fronte aos meros contadores de frecuencia de soño, podómetros e pulsómetros, esta pulseira preséntase como "aberta, á marxe da necesidade total de usar máis dun dispositivo, co que o usuario se evita un gasto enorme".
Outra das grandes novidades da pulseira intelixente é a capacidade de poder ser empregada como ferramenta de pagamento, pola que un dispositivo de cobro identifica o cartón polo contacto da pulseira.
Engadir que a produción de Brooband está en fase de conclusión e a previsión de comercializala atópase "entre marzo e maio de 2016".

PUBLICIDADE